Xbench
Antes de nada, déixame dicirche que son fiel usuaria de Xbench dende agosto de 2016 e que levo dende entón pagando relixiosamente a subscrición anual (e así seguirei facendo).
Pode que te preguntes que é Xbench. Por se non o sabes, Xbench é un software de control de calidade que te axuda a garantir a coherencia de terminoloxía, puntuación e etiquetas, e que tamén incorpora un corrector ortográfico, entre outras funcións. Pero a máis importante é o xestor de listas de comprobación, que che permite crear listas personalizadas con expresións regulares e comodíns de Word. E para que serven estas listas? Sigue lendo, que cho vou explicar.
Podes ir ao fácil e exportar un glosario bilingüe e engadilo a Xbench. Pero cres que funcionará ben con todos os termos? Non, non vai funcionar con moitos deles. Por que? Porque cada idioma é un mundo. E iso é o que os fai tan especiais.
Se lle dis a Xbench que «update» se ten que traducir ao galego como «actualizar», Xbench marcará como erros algunhas formas conxugadas (como «actualizaches», «actualizado», «actualiza» etc.) e non te avisará se o xerundio «updating» aparece no orixinal, pero «actualizando» (ou outra forma verbal) non aparece na tradución.
Isto non é máis ca un exemplo, xa que cada idioma terá os seus propios matices. Por iso, coñecer á perfección o idioma de orixe e o de destino é imprescindible para crear listas de comprobación que melloren de verdade a calidade das traducións e eviten os falsos positivos na medida do posible. Porque, se usas unha ferramenta de control de calidade que atopa centos de erros, o máis probable é que pases por alto algúns erros importantes de verdade entre tanto falso positivo.
Isto podes facelo con listas de comprobación, expresións regulares e comodíns de Word.
Como? Só tes que indicarlle con precisión a Xbench o que debe buscar. Se seguimos co exemplo anterior:
- Xbench debería comprobar se o verbo «update» e todas as súas formas verbais aparecen no orixinal.
- E tamén debería comprobar se na tradución falta calquera das posibles conxugacións de «actualizar».
Podes escribir todas as posibilidades unha por unha:
- O campo do orixinal é fácil: update, updates, updated e updating.
- Pero que porías no campo da tradución? Actualizo, actualizas, actualiza, actualizamos, actualizades, actualizan. E este é só o presente de indicativo. Ademais, hai que ter en conta que, ao engadir pronomes enclíticos, ese verbo pode ter que acentuarse: actualízao, actualicémolo. E escribirase con «z» ou con «c» en función da vogal que vaia despois: actualiza, actualices. Parece demasiado traballo para un único termo, non si?
Si, é demasiado traballo. Pero, con expresións regulares e comodíns de Word, podes escribir unha instrución moito máis sinxela que abarcará todas as posibilidades.

Que podes incluír nas listas de comprobación?
O máis probable é que non che faga falla incluír o verbo «update» nunha lista de comprobación, pero si que quererás incluír outros elementos, como os seguintes:
- Termos especializados do teu sector.
- Termos complicados que o equipo non dá traducido correctamente.
- Nomes de produtos.
- Nomes de países.
- Slogans e lemas.
- Especificacións da guía de estilo:
- Preferencias lingüísticas.
- Formato de números.
- Uso de maiúsculas.
- Espazos inseparables.
- Erros frecuentes:
- Orixinal: «up» traducido como «down» e viceversa.
- Tradución: siglas en plural cun «-s» ao final (as siglas son invariables en galego e non se pluralizan).
E agora que?
Queres que a fase de control de calidade sexa máis sinxela e eficaz? Axudareite a crear listas de comprobación que melloren de verdade a calidade das traducións e simplifiquen a fase de QA. Só tes que premer o botón que aparece xusto debaixo deste texto e enviarme un correo. Responderei o antes posible para que poidamos falar dos detalles do proxecto. Vémonos na miña caixa de entrada!
