Tradución de márketing e transcreación

QUERES CHEGAR DE VERDADE AO TEU PÚBLICO GALEGO?

Pois logo terás que falarlle en galego. En castelán vaite entender, mais non vas destacar. En galego vaslle chegar ao máis fondo.

O galego vende

E non o digo só eu, senón que é a conclusión á que chegan varios estudos sobre a publicidade en Galicia e o uso do galego. Porque o galego remite a un vínculo máis próximo, transmite confianza, marca calidade e é eficaz dende o punto de vista emocional, a audiencia se identifica máis facilmente co produto anunciado e o seu uso pode supoñer un importante estímulo de compra.

O galego outorga visibilidade nun mercado saturado de competencia. Diríxete á túa audiencia de Galicia en galego e diferénciate, destaca entre a competencia.

Nacín nas Rías Baixas, aínda que levo xa moitos anos vivindo en Lugo. Pertenzo con moito orgullo á xeración Xabarín, o que me permitiu crecer vendo unha chea de series e películas dobradas ao galego. Vivo en galego e, grazas aos meus coñecementos, podo axudarte co seguinte:

  • Ampliar a túa clientela.
  • Xerar confianza e mellorar a fidelidade á túa marca.
  • Destacar entre a competencia.
  • Adaptar os teus textos especificamente á cultura galega.
  • Mellorar a interacción do teu público.

TRADUCIÓN

Hai menos adaptación e o máis importante son a precisión e a fluidez do texto. Ideal para publicacións de blog, artigos, páxinas de asistencia, guías e outros documentos.

TRANSCREACIÓN

Tradución combinada con copywriting. O teu público obxectivo é o máis importante e hai máis creatividade. Ideal para anuncios, campañas de márketing por correo electrónico, slogans, lemas, páxinas de destino e contido creativo.

Queres traducir ou transcrear os teus textos de márketing?

Se cadra non sabes se te podes fiar de min

Levo máis de 10 anos axudando a marcas a triunfar nos mercados galego e español (plataformas de SaaS, redes sociais, servizos financeiros e plataformas de pagos, entre outras). Encárgome de traducir e transcrear textos, mais tamén te axudo a solucionar problemas que non sabías nin que tiñas:

  • Hai ligazóns nas túas páxinas que non funcionan como deberían? Explicareiche como solucionar o problema.
  • Tes un texto no teu sitio web que non cumpre algunha lexislación europea? Nun tris terás un correo electrónico meu avisándote.
  • O teu equipo de tradución cara ao galego ten problemas para manter a coherencia? Crearei unha lista de comprobación de Xbench coas túas preferencias de estilo e terminoloxía para que as siga todo o equipo.
  • Nos teus materiais de márketing aparece como destacada unha marca que ten mala reputación en Galicia? Avisareite e suxerireiche unha marca que poida ocupar o seu lugar.

Tamén perfecciono os teus textos en galego

Traducir cara ao galego non é simplemente cambiar palabras en castelán polo seu equivalente en galego. É pensar en galego de primeiras. É usar expresións e construcións propias, que semelle que o texto se redactou dende un principio en galego. Se xa tes os textos en galego pero coidas que hai algo que non está ben de todo, tamén che podo botar unha man.

Apetéceche chegar de verdade ao teu público galego?

Destaca entre a multitude de marcas que só venden en castelán. Céntrate nas necesidades e preferencias do teu público galego e ofrécelle a experiencia que merece.

Devezo por coñecer a túa marca e os teus produtos ou servizos! Escríbeme e axudareite a triunfar no mercado galego.

Interesante, non si? Dálle, vémonos na miña caixa de entrada!