A reserva dos lebrílopes

A reserva dos lebrílopes

Paloma Barrera Crespo

Primeiro premio na modalidade de tradución literaria dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo 2014

 

O mellor momento era o que antes a asustaba. Unha vez retirada a pel, o coello xacía na mesa despoxado do seu traxeciño. Podía ser todo o que el quixese. Clary agarimou a fría pel. O banco estaba cuberto de estropallo e labras de madeira. As pezas estaban todas despregadas. O seu pai ollaba a caveira de arxila cun dedo no queixo, preparado para recompoñer o coello. Clary mirouno, lembrando aquela época en que non había coello ningún, só lebrílopes que xurdían por arte de maxia. El cubríao cunha caixa ata que quedase perfecto e, despois, levantaba o cartón. E aí estaba. O lebrílope. Cornos, orellas e bigotes de coello que case se movían ao tocalos. Parecía que, xusto antes de dar o salto, se conxelara co horizonte nos seus ollos.

A fiestra deixaba pasar unha faixa de aire fina como unha lembranza. Clary serviu café. Un para el. Outro para ela: metade leite, metade café e unha cullerada de azucre por cada trinta centímetros que creceu nos últimos anos. Os pasos polo sendeiro eran bruscos. Cada golpe na porta estaba perfectamente espazado, como se alguén aprendese na universidade como petar correctamente, o que significaba cada golpe. Clary abriu a porta, apoiando a cadeira na fenda do marco. A camisa do home era azul. Remangou as mangas sen mirar, só remangaba e remangaba todo o día. Mirou a Clary, axustou a gravata de seda e non atinou ao escoller o que dicir. Sen que lle importase que a rapariga fose alta, levase uns pantalóns curtos amarelos axustados e tivese unha tatuaxe falsa dun esquío no pulso, preguntou:

—Están mamá ou papá por aí?

O home engurroulle o cello ao marcador máxico co que pintaba as uñas dos pés de negro. Deixouno pasar só con dar un paso atrás. Seu pai non se ergueu.